O colectivo Cinema Sticado


nos_foto0

nos_foto1 nos_foto2 nos_foto3

 

Cinema Sticado é un colectivo multidisciplinar de artistas que fai cine ao vivo.

Interesados nas novas linguaxes narrativas o colectivo nace en 2012 co obxectivo de explorar as posibilidades expresivas que xurden nas fronteiras entre os campos escénico e audiovisual para contar historias no ámbito da representación en vivo e en directo.

O noso traballo combina artes visuais, teatrais e performativas coa creación de audio e video en tempo real (non empregamos material pregravado) apoiándose no uso de cámaras, micrófonos e ferramentas própias programadas en software libre (pure data) para facer películas en directo e proporcionar ao espectador unha experiencia visual e presencial única e asombrosa.

A nosa intención é, por unha banda, dotar dunha función presencial e evidente aos elementos da representación en vivo (actores, decorados, personaxes, sons, imaxen e tecnoloxía), e pola outra, manter o fío dunha ficción á que o público -aínda consciente de cómo se está xestando- non poida sustraerse. Paradóxico doble espectáculo có que estimular a imaxinación da audiencia dun xeito particular e inspirar a reflexión.

O núcleo do colectivo está composto por Xosel Díez -enxeñeiro e creador audiovisual- e Helena Varela -actriz de teatro e cine- .

Presentamos o noso primeiro traballo (STRPTS// episodio 1: Mirlo & Rula) despois de máis de dous anos de experimentación e desenrolo nun taller clandestino situado nun lugar indeterminado da paradisíaca península do Morrazo, en Galicia, España.

Neste percorrido contamos coa colaboración doutros artistas entre os que non podemos deixar de destacar ao recoñecido pintor Xabier Varela, que debuxou con gran acerto os personaxes do espectáculo. (visita aquí a súa páxina)

Xa estamos traballando no segundo episodio. Estade atentos.


·

Olla aquí un video-ensaio sobre nós e o noso traballo