STRPTS // a serie


 

 
STRPTS (lése estriptis) é unha historia de intriga por episodios creada en vivo e en directo sobre o escenario e retransmitida audiovisualmente ‘in situ’ en tempo real nunha gran pantalla.

O colectivo Cinema Sticado trae a escena un universo en miniatura feito de cartón reciclado para contar cunha estética particular unha historia tinguida de misterio, sexo, corrupción, asasinatos e persecucións.

O público ve nunha gran pantalla a proxección desa historia como unha película, mais tamén poderá ver o seu ‘making off’ en directo: como os actores-manipuladores interveñen movendo personaxes e obxectos nese mundo en miniatura ao mesmo tempo que o filman con cámaras e proxectan esa filmación en directo na pantalla; como xeran sons para crear a atmósfera sonora, ou como empregan a palabra para dar voz aos personaxes.

Cinema Sticado non emprega ningún tipo de material audiovisual pregravado e tanto a imaxen filmada coma os sons e voces son xeneradas e procesadas en tempo real por ferramentas dixitais controladas polos propios actores antes de seren proxectadas.

Esta edición en tempo real combinada coa creación en vivo -ámbalas dúas irrepetibles pois non están exentas de certas dosis de aleatoriedade, tanto en sí mesmas coma nas súas interaccións- xeran unha experiencia presencial única no espectador.

Termos como live-cinema, poesía visual, monicreques, animación en vivo, teatro de sombras ou camera-live axudan a definir o plantexamento escénico desta serie, un plantexamento onde a narrativa comparte foco de atención coa propia creación en vivo sen esconder a importancia do dispositivo técnico como factor catalizador da propia experiencia, e cuxo fin último é facer unha particular exploración do mundo contemporáneo e a súa evolución así como da natureza do ser humano, os medios e a linguaxe.

A serie STRPTS contará con tres episodios na súa primeira tempada:

episodio 1: Mirlo e Rula (en exhibición)

episodio 2: Emperador (en preprodución)

episodio 3: Gaivotas (en pensamento)