STRPTS // a serie


 

STRPTS (lése estriptis)

STRPTS é unha historia de intriga por episodios creada en vivo e en directo sobre o escenario e retransmitida audiovisualmente ‘in situ’ en tempo real nunha gran pantalla.

STRPTS é a serie coa que o colectivo Cinema Sticado inicia a súa aventura escénica de “cine ao vivo”.

STRPTS supón un estudo que versa sobre a verdade e a mentira, sobre eses poderes ocultos que nos arrodean e que dirixen o comportamento da nosa sociedade, sobre a manipulación e o poder e, ao fin, sobre a necesidade de combatelos.

STRPTS trae a escena un universo en miniatura feito de cartón nú (aquí vai un estriptis) e reciclado para contar cunha estética particular unha historia tinguida de misterio, corrupción, asasinatos e persecucións.

En STRPTS o público ve nunha gran pantalla a proxección desa historia como unha película, e ademáis de ver a película proxectada tamén poderá ver a película núa (outro estriptis), é dicir, que poderá ver como é que se está facendo en directo (o seu ‘making off’):  como dous humanos interveñen movendo personaxes e obxectos nese mundo en miniatura ao mesmo tempo que o filman con cámaras para compoñer a película proxectada; como xeran sons para crear a atmósfera sonora, ou como empregan a palabra para dar voz aos personaxes. E máis cousas poderá ver que non se poden contar.

En STRPTS Cinema Sticado non emprega ningún tipo de material audiovisual pregravado e tanto a imaxen filmada coma os sons e voces son xeneradas e procesadas en tempo real por ferramentas dixitais controladas polos propios actores antes de seren proxectadas. Esta edición en tempo real combinada coa creación en vivo -ámbalas dúas irrepetibles pois non están exentas de certas dosis de aleatoriedade, tanto en sí mesmas coma nas súas interaccións- xeran unha experiencia presencial única no espectador.

Termos como live-cinema, poesía visual, monicreques, animación en vivo, teatro de sombras ou camera-live poden axudar a definir o que fan os de Cinema Sticado, pero o mellor é velo para entendelo. Hai aquí moitos estriptis.

A serie STRPTS conta con 2 episodios na súa primeira tempada: