Despois dos nosos inicios transitando as fronteiras entre o audiovisual e a escena contando historias dun xeito novidoso e poético internámonos agora nas fronteiras entre o humor e a emoción da man de Noemi Rodríguez, que dirixe e fai a dramaturxia do noso último espectáculo: Oh, Mammi Blue, onde empregamos a comedia para abordar temas complexos e incluso desgarradores.
A semente deste último espectáculo foi o nacemento da nosa filla Cloe, en 2013. Pero non foi ata fai dous anos que coa axuda de Noemi Rodríguez nos puxemos a levantar esta idea. Foi un proceso longo e coidadoso que desenvolvemos en numerosas residencias artísticas. Como parte do proceso de investigación traballamos nunha ducia de concellos de Galiza con grupos de mulleres onde aprendemos moitas cousas que, xunto coa experiencia persoal, tentamos reflectir.
Temos moitas ganas de saír ao escenario, de xogar, de pasalo ben, de estar co público.

